SPJ-USO GALICIA

Unha alternativa ao sindicalismo de hoxe

A Consellería de Presidencia destinará 105 millóns de euros, preto da metade do seu orzamento, á Xustiza en 2009

Posted by spj-uso en octubre 28, 2008

José Luis Mendez Romeu

José Luis Mendez Romeu

Fonte: Xunta de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achegará o 48% do seu orzamento, que ascende a 217,8 millóns de euros, á Administración de Xustiza, segundo presentou hoxe o titular deste departamento, José Luis Méndez Romeu, en Comisión parlamentaria. O conselleiro sinalou que esta área conta cun incremento do 6% -ata un total de 105 millóns de euros- correlativo co que ten experimentado nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para 2009.

Así, sinalou que nas liñas principais do investimento para 2009 se dá “prioridade absoluta ao gasto na función de xustiza” e lamentou que a resolución dos problemas nesta área non é función exclusiva do incremento de unidades xudiciais, senón consecuencia dun conxunto de medidas bastante complexo de implementar, das que unha parte lle corresponde ao Ministerio de Xustiza, outra ao Consello Xeral do Poder Xudicial e outra -infraestructuras e medios- á Comunidade Autónoma. “Por tanto, cremos que esa é a área que debe ter un crecemento por riba da media da Consellería, por riba da media dos orzamentos da Xunta e en liña co que van aprobar os OXE para 2009”, asegurou.

Méndez Romeu tamén indicou que os obxectivos de investimento en materia xudicial aparecen sempre “cun certo grao de atraso” producido pola dificultade de conseguir os terreos necesarios sobre os que construír infraestruturas, debido a que os concellos aos que a Xunta lles solicita estas parcelas normalmente non están en condicións de responder con celeridade a esa demanda. Así, dixo, aparecen no Orzamento da Consellería cifras comprometidas en localidades como Muros, Vigo, A Coruña ou A Estrada “onde a dificultade de consecución de solo ten impedido, a día de hoxe, o comezo das obras malia, nalgún caso, ter mesmo redactado xa o correspondente proxecto arquitectónico”. Alén deses proxectos, e con cargo á Sociedade Pública de Investimentos (SPI), a Xunta pretende tamén levar adiante a dotación de novos edificios xudiciais en Ourense, Ferrol e Pontevedra.

Así, o titular de Presidencia puntualizou que, en materia de investimentos, o departamento actúa a medio dos compromisos directos da súa Secretaría Xeral –que aparecen detallados minuciosamente no Orzamento- e mediante mandatos de obra pública á SPI, que totalizan na Consellería para o vindeiro exercicio 2,4 millóns de euros, dos que non aparece detallado o destino, toda vez que esa decisión adóptase posteriormente no marco do plano económico financeiro da propia Sociedade.

O conselleiro tamén subliñou o incremento que experimentan as partidas dedicadas á xustiza de paz –que pasan de 480.000 euros a 915.000-, que definiu coma un área “tradicionalmente esquecida e abandonada”. Explicou que este aumento é froito dos acordos acadados no Pacto Local para asumir a asunción progresiva dos seus custos pola Administración autonómica e da evidencia de que “é difícil prestar un servizo mínimo nas condicións de traballo actuais” deses órganos.

Anuncios

Sorry, the comment form is closed at this time.

 
A %d blogueros les gusta esto: